Saltar navegación

Sobre a orixe da diversidade lingüística

Tampouco hai acordo entre os especialistas sobre a orixe das linguas e da diversidade lingüística. Algúns defenden que todas proceden dunha única lingua orixinaria (monoxénese lingüística). Fronte a esta teoría está a que considera que xa na orixe existía certo plurilingüismo: cada grupo social ou poboacional disporía do seu propio código lingüístico e logo, polos movementos xeográficos e pola dialectalización, xurdirían as diferentes linguas.

Relacionado coa primeira teoría, a de que todas as linguas proceden da mesma lingua orixinal, atopamos o coñecido mito bíblico da Torre de Babel, que considera a diversidade lingüística como un castigo divino destinado a procurar a incomprensión entre os pobos.


No capítulo 11 do libro da Xénese cóntase que os descendentes de Noé pretendían construír unha torre tan alta que chegase ao mesmo ceo. Deus, ante esta ofensa, provocou que os obreiros falasen linguas diferentes para que non puidesen entenderse entre si e non rematasen a sacrílega obra.