Saltar navegación

Situación sociolingüística actual da lingua galega

A lingüística é a disciplina que se dedica ao estudo da lingua e a sociolingüística é unha área da lingüística que se ocupa da linguaxe como fenómeno social e cultural, estudando as relacións entre a lingua e a sociedade.

Froito do uso das linguas pola sociedade existen diferentes situacións sociolingüísticas. Como xa vimos, no caso do galego, esta lingua é maioritaria en Galicia (aínda que desde un punto de vista global é minoritaria en comparación con linguas como o inglés, o español ou o chinés) pero minorizada, porque aínda non conta cun uso e un status normal e similar ao que posúe a lingua coa que convive, o castelán. Polo tanto, froito desta situación é preciso seguir un proceso de normalización, é dicir, de promoción para que a lingua acade esa situación de normalidade. Esa situación de normalidade implicaría que a lingua se usase en calquera ámbito (medios de comunicación, administración, xustiza, ocio –cine, teatro, música...-, no ensino...) á vez que adquirise unha valoración adecuada e admitida por todos os membros da sociedade, independentemente da súa procedencia socio-económica ou laboral. A falta de normalidade provoca que se dea unha situación de diglosia, é dicir, que as dúas linguas que conviven en Galicia non conten cos mesmos espazos de uso. Para determinados usos formais séguese a preferir o castelán, xa que se segue a considerar a lingua de prestixio e que polo tanto prestixia a quen a usa.

A situación de minusvaloración que sofre a lingua galega está motivada en boa parte polos prexuízos aplicados a esta lingua e que aínda perviven. Un prexuízo é unha opinión previa e tenaz, polo xeral desfavorable, acerca de algo que se coñece mal. Polo tanto, un prexuízo lingüístico é un xuízo de valor sobre unha lingua (ou algunha das súas características) ou ben sobre os seus falantes. É dicir, os prexuízos lingüísticos son opinións desfavorables sobre as linguas ou os seus trazos (seseo, gheada) que moitas veces repercuten nos seus falantes (lingua de persoas sen formación, de aldea…). A repercusión pode provocar que os falantes desboten empregar a lingua para evitar expoñerse a ser xulgados. Non obstante, cómpre ter en conta que todas esas valoracións só poden responder a prexuízos xa que todas as linguas serven para o mesmo, para comunicarnos e ademais deben ser un elemento cultural máis, pois ter unha lingua propia enriquécenos, xa que todas as linguas, como todo o coñecemento suma, nunca resta. Destácanse habitualmente as vantaxes que ten o bilingüismo ou o plurilingüismo, xa que este dominio facilita o achegamento a outras linguas ou linguaxes (a música, por exemplo) e estimula o noso cerebro. Desde o galego o achegamento ao portugués, por exemplo, é moi doado polo que non nos deberiamos privar da vantaxe de coñecer a nosa lingua que ademais nos abre portas.

Non debemos confundir o termo normalizar con normativizar. Este último implica a elaboración dunha normativa, dunhas normas, que no caso do galego xa se levou a cabo, de maneira oficial, no ano 1982.