Retroalimentación
Contacto co castelán
A interferencia do castelán no galego afecta sobre todo ao nivel do léxico, e en menor medida aos niveis da sintaxe, a morfoloxía e a fonética. As interferencias no léxico están ben documentadas xa desde os textos eclesiásticos, legais e literarios medievais. Nun primeiro momento o vocabulario empregado neste tipo de textos foise castelanizando e máis tarde foise introducindo abundante vocabulario do castelán relacionado cos ámbitos da educación, a ciencia, o dereito, a tecnoloxía e os medios de comunicación. Esta interferencia chegou a tal nivel que a miúdo os falantes espontáneos de galego teñen dificultades para recoñecer como galegas algunhas palabras tradicionais e pola contra consideran autenticamente galegas as substitutas castelás. A proximidade lingüística do galego e do castelán facilita a substitución, polo que a desintegración lingüística e a alteración da coherencia e autonomía do galego, xunto coa progresiva asimilación ao castelán, reforza o proceso de substitución (perda de ámbitos de uso e falantes). Na actualidade a substitución léxica está tan avanzada que a castelanización se estende máis alá do vocabulario básico, espallándose desde o campo semántico do corpo humano ás relacións de familia, os nomes dos días da semana e dos meses e a vida doméstica.
No nivel da morfosintaxe, algúns dos fenómenos provocados pola influencia do castelán no galego son: castelanización do xénero das palabras que comparten unha mesma orixe (gal. o leite / cast. la leche > castelanizado gal. a leite); a colocación do pronome átono antes do verbo en contextos onde, de acordo coas regras do galego, se colocarían despois (gal. lévote / cast. te llevo > castelanizado gal. te levo); castelanización das formas irregulares dos verbos (gal. souben / cast. supe > castelanizado gal. soupen). A estes fenómenos, que están presentes en diferentes niveis na lingua dos falantes espontáneos habituais, temos que engadir outros propios dos castelán-falantes: por exemplo, a elisión do artigo definido antes do adxectivo posesivo (gal. a súa roupa / cast. su ropa > castelanizado gal. súa roupa), e o uso de formas verbais como había cantado en lugar da forma galega cantara.
"Contacto co castelán", en Nocións de Gramática, Consello da Cultura Galega [loia.org, consultado o 24 de marzo de 2015]