Contacto lingüístico. Causas e consecuencias.
Os porqués das linguas en contacto
O que si é evidente é que hai moitas máis linguas que estados. Aínda que partamos da estimación máis baixa en canto a número de linguas (3 000, por exemplo) e as dividamos entre o número de estados oficialmente recoñecidos (arredor de 200) chegaremos á conclusión de que non hai unha correspondencia unívoca lingua-estado. A situación, pois, máis habitual vai ser a de atopármonos máis dunha lingua por estado, é dicir, a existencia de estados plurilingües. De feito, os países dos que podemos afirmar que son monolingües son máis ben poucos (Islandia, por exemplo).
Tamén é facilmente observable a non correspondencia entre fronteira política e fronteira lingüística cando observamos que linguas dun estado penetran en territorios de estados colindantes (é o caso do catalán en Francia, do francés en Alemania, do alemán en Polonia...).
Esta situación de convivencia de linguas nun mesmo territorio pode deberse a múltiples causas; entre as máis comúns destacan:
a) procesos de expansión e unificación política;
b) presión cultural e económica;
c) movementos migratorios
As derivadas do contacto entre linguas
Pero nunha situación de linguas en contacto dentro dun mesmo territorio é habitual que non todas as linguas teñan a mesma consideración ou valoración. Tendo en conta aspectos como o número de falantes, o territorio onde se fala unha determinada lingua, os ámbitos de uso das linguas e a extensión territorial das linguas é posible establecer as seguintes clasificacións:
- linguas maioritarias fronte a linguas minoritarias
- linguas maiorizadas fronte a linguas minorizadas
- linguas nacionais fronte a linguas internacionais
- linguas inventadas fronte a linguas naturais
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0