En galego estou no mundo!
E o galego, en que situación está?
Pois aínda que os últimos datos que se teñen non son de todo positivos e que descende o seu uso entre xente nova e no ámbito urbano, podemos concluír que a situación do galego, dentro do panorama lingüístico mundial, non é moi negativa. Algúns datos que o confirman poden ser:
- canto ao número de falantes está entre as 200 primeiras do mundo e entre as 25 primeiras das europeas
- estaría dentro do 5% de linguas mundiais con máis dun millón de falantes (o restante 95% das linguas do mundo teñen menos dun millón)
- ten máis falantes que algunha lingua oficial europea
- está dentro das trinta linguas máis empregadas na Rede e é unha das opcións posibles de programas, navegadores, buscadores, redes sociais...
- a Galipedia, versión galega da Wikipedia, ocupa postos altos canto á calidade, número de artigos...
- é lingua recoñecida e con prestixio no ámbito da cultura
- está asentada no ámbito educativo e mesmo pode estudarse no estranxeiro.
Daquela, podemos concluír que o galego segue a ser lingua maioritaria no seu territorio.
Pero tamén hai datos negativos:
- a transmisión interxeneracional estase rompendo e cada vez hai máis poboación que se educa inicialmente en castelán
- a presión do castelán é tan forte que mesmo galegofalantes orixinarios están comezando a substituír a súa lingua polo castelán (obsérvase claramente nos niveis educativos máis baixos)
- hai determinados ámbitos sociais, como o empresarial, a xustiza, os medios de comunicación privados, a igrexa... nos que o galego está practicamente relegado, pexado por unha serie de prexuízos que se perpetúan.
A modo de conclusión, podemos dicir que o galego é unha lingua maioritaria pero minorizada e que aínda son moitos os pasos que cómpre dar cara a unha normalización real da lingua.
Manuel Núñez Singala, Lingua minorizada, Licenza Youtube estándar
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0