Saltar navegación

Tarefas Posibilitadoras

TP2. A partir da lectura comprensiva do seguinte texto da docente Valentina Formoso, "As funcións da lingua", e servíndote da presentación anterior, elabora un texto expositivo, seguindo as indicacións do Caderno TIL, para sinalar as causas e as consecuencias dos prexuízos lingüísticos. Na túa explicación deberás servirte dun léxico preciso (bilingüismo, diglosia, funcións sociais da lingua, substitución lingüística...).

AS FUNCIÓNS DA LINGUA

Cada grupo humano elaborou ao longo de séculos a ferramenta que lle posibilita relacionarse cos seus: o seu idioma; e fíxoo á súa imaxe e semellanza, é dicir, elaborou un sistema que lle permite canalizar a súa maneira de interpretar e representar a realidade na que se move. A función básica de cada lingua é pois a comunicación cos outros individuos que conforman o grupo no que se integra, pero falar unha lingua é algo máis que utilizar unha ferramenta para comunicarse con outros, é a tarxeta de presentación como cidadán dun determinado territorio e pertencente a unha determinada cultura, polo que cumpre outras funcións:

 1.     A función de identidade é aquela que realiza a lingua no marco interno dun individuo, servíndolle a este como canle de articulación do pensamento. O uso do galego ou castelán depende, basicamente, dos usos lingüísticos que cada un tivese na súa infancia.

2.     A función familiar é a función que desempeña unha lingua como elemento de relación no seo dunha familia. Igual que no caso anterior, o feito de que se use galego ou castelán depende dos usos lingüísticos de cada familia, da zona xeográfica onde vivan, do nivel cultural que posúan os seus membros...

3.     A función laboral é a función que desempeña unha lingua no mundo do traballo. No caso do galego, esta función, sacando determinados sectores minoritarios, é desempeñada basicamente polo castelán.

4.     A función local é a que desempeña unha lingua nos contactos entre persoas da mesma contorna. Ata hai uns anos primaba o uso do galego pero ultimamente o castelán vai ocupando esta función, sobre todo entre as capas máis novas da sociedade.

5.     A función institucional. É a que desempeña unha lingua cando serve de vehículo normal de comunicación entre o individuo e os distintos estamentos sociais, políticos, económicos e administrativos da entidade nacional á que pertence. En Galicia esta función tamén está desempeñada basicamente polo castelán aínda que, a nivel escrito, o galego ten bastante presenza en gran parte da función pública.

6.     A función cultural exércea unha lingua cando se usa para expresar e recibir os conceptos e mensaxes das ciencias e das artes. Talvez sexa esta a función onde o galego ten maior presenza aínda que isto non quita para que siga habendo preponderancia do castelán.

7.     A función internacional é a que exerce unha lingua cando é utilizada tamén por individuos doutras nacións, que a aprenderon como segunda lingua, para comunicarse con persoas de diferente nacionalidade. Resulta obvio que esta función na actualidade é maioritariamente desempeñada polo inglés.

Nunha situación normal calquera lingua debería desempeñar no seu territorio todas as funcións mencionadas (exceptuando a función internacional) pois o habitual é que os individuos que viven nunha mesma sociedade utilicen para relacionarse a mesma lingua e empreguen unha segunda lingua cando precisen relacionarse con membros doutros territorios ou comunidades. Cando nun territorio atopamos asentadas dúas linguas, esta situación vén dada por un dos tres motivos seguintes:

·       por un proceso de expansión e unificación política,

·       por movementos migratorios,

·       por contactos internacionais;

A causa máis frecuente é a primeira (foi o que sucedeu en Galicia). Unha vez que se produce este feito, as dúas linguas compiten por realizar todas as funcións posibles e isto xera unha situación que se coñece co nome de conflito lingüístico.

 Cando unha lingua se asenta no territorio ocupado por outra poden ocorrer dúas cousas:

·       que se produza unha substitución lingüística (sucedeu cando o latín se asentou en Gallaecia)

·       que haxa unha convivencia das dúas linguas. Mais esta convivencia raramente é pacífica porque a lingua allea tenta facerse coas funcións que tradicionalmente lle son propias á lingua autóctona (sucedeu cando o castelán entrou no Reino de Galicia)

O castelán, que comezou a introducirse polas capas máis altas da sociedade, foi substituíndo o galego nos usos cultos (literatura) e comezou a ser usado como lingua da administración. Isto provocou que se establecesen xerarquías sociais en función da lingua: o castelán sería o idioma das clases superiores e o galego quedaría adscrito ao estamento popular. Así pois, as dúas linguas repartían as funcións lingüísticas dunha maneira desequilibrada, existía unha lingua hexemónica (tamén chamada lingua A, dominante ou lingua de cultura) que desenvolvía as funcións socialmente relevantes (institucional, cultural, internacional) e outra lingua minorizada (tamén chamada lingua B, dominada ou idioma cuberto) con uso progresivamente restrinxido ás funcións locais e familiares da poboación menos podente. Nesta situación, na que se identifica pertencer a unha determinada clase social coa lingua que esta usa, trasládase a sensación de inferioridade a unha falta de autoestima que deriva no menosprezo da lingua propia e nun uso diglósico da mesma.

A diglosia é pois, un reparto desigual entre as funcións que realizan dúas linguas. O comportamento diglósico en Galicia, vén dado por usar unha ou outra dependendo dos seguintes factores:

·       os ámbitos sociais de uso: emprégase o galego para as funcións de menor prestixio social (funcións familiares e locais) e o castelán como lingua con funcións laboral, institucional e cultural;

·       os espazos xeográficos: úsase o galego no rural, nas vilas pequenas e nos arrabaldes das cidades mentres que se usa o castelán nas cidades;

·       os interlocutores: úsase o castelán con aquelas persoas que se consideran dun estatus social ou cultural superior, deixando o galego para falar coas persoas de menor posición social.

Cando se produce unha situación de diglosia, esta xeralmente non afecta a toda a poboación senón que afecta aos individuos que, para medrar socialmente, ven necesario un cambio lingüístico. Esta foi a situación que se produciu en Galicia e que afectou a moitos galegofalantes, de xeito que o castelán foi estendendo o seu uso de maneira progresiva a toda a sociedade e ampliando sucesivamente as funcións que ía gañando (comezou polas funcións cultural e institucional e chegou ata as funcións máis básicas: a familiar e a identitaria). Na actualidade, pódese dicir que o galego, a pesar de que dende a instauración da democracia está presente en moitos ámbitos e ocupa funcións que anteriormente foran durante moito tempo exclusivas do castelán, segue nunha situación moi precaria pois o uso do castelán segue en aumento.

Así pois, a saída ao conflito lingüístico (situación actual) establécese mediante dúas posibles vías:

·       Acelerar a substitución lingüística de maneira que a lingua máis forte termine impoñéndose á outra. De estenderse esta concepción, o ser humano terminaría no unilingüismo.

·       Salvagardar a diversidade lingüística. Esta vía denomínase ecoloxismo lingüístico e enténdese como unha concepción que implica a protección especial das linguas máis ameazadas, no noso caso o galego, para poder conservalas e competir nunha loita desigual.

TP3. Despois de ver esta presentación e entender os prexuízos que rodean a lingua galega, busca na túa contorna exemplos deses prexuízos (1 ou 2) e, ao mesmo tempo, exemplos de actitudes ou comportamentos contrarios, que procuran derrubar eses prexuízos. Finalmente, comparte na aula os resultados da túa pesquisa, apoiándote nalgunha evidencia.

Feito con eXeLearning (Nova ventá)